"Eu falo a miña lingua porque si, porque me gosta, porque me peta e dame a gaña" Celso Emilio Ferreiro

15 de maio de 2015

HOMENAXE ÁS NOSAS LETRAS E Á NOSA LINGUA

Un ano máis chegou ata nós a primavera, que  ven cargada de flores novas, paxariños cantareiros e dun arrecendo que invita a gozar de todo o que nos rodea. E coa primavera  chega o mes de Maio e con el, a Festa das Letras.

Cada 17 de Maio temos a ocasión e o privilexio de festexar a nosa lingua e a nosa cultura a través de autoras e autores que durante a súa vida traballaron arreo polo seu coidado e a súa  defensa. E cada ano, dende hai xa tempo, incorporamos á nosa galería de homenaxeados o prato conmemorativo da  persoa á que se lle dedica o ano.

Nesta ocasión o prato e Festa das Letras están dedicados a don Xosé Fernando Filgueira Valverde, “O vello Profesor”, alcume co que se lle coñecía en Pontevedra pola súa dilatada carreira como profesor no Instituto desta cidade.

Autor dunha extensa obra, estudou e investigou de xeito incansable os máis variados aspectos da nosa cultura. Literatura, arte, arquitectura, etnografía, música, pintura, historia……. todo lle interesou e a todo se dedicou co maior dos entusiasmos no seu afán de ampliar e transmitir o seu coñecemento.

Antes de iniciar as celebracións debemos recordar que para o galego non chega un só día no ano. O galego necesita os 365 días do ano para ter boa saúde e para que todas e todos poidamos seguir gozando de “mil primaveras máis para a nosa lingua”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario