"Eu falo a miña lingua porque si, porque me gosta, porque me peta e dame a gaña" Celso Emilio Ferreiro

21 de decembro de 2013

OS MAIORES CONTAN COMO ERA O NADAL

O xoves 19 as persoas maiores do Centro de  Día das Neves estiveron no colexio.. Viñeron cargados de regalos e de iluxión para facernos coñecer como se festexaba o Nadal cando eran máis novos.
Responderon ás preguntas que lle facían as nenas e nenos e recordaron como eran as celebracións daquela: As comidas e as sobremesas de Noiteboa e Anovello, as cancións e os bailes, as celebracións que se facían, os xoguetes cos que xogaban, o aguinaldo ......
Trouxeron uns arcos dos que se utilizan na danza de Reis que eles mesmos confeccionaron. Explicaron como se bailaba e fixeron unha pequena demostración. Tamén nos falaron do costume de cantar os reis e de pedir o aguinaldo, que hoxe case están desaparecidas. Marina, que foi carteira, recordou o poema que recitaba polas casas para que lle deran o aguinaldo. Interpretaron para nós un fermoso Canto de Reis demostrando que as mañas nunca se perden
Foi un rato divertido e moi ameno que achegou aos máis novos tradicións galegas de outros tempos, moitas delas xa esquecidas, e  permitiulles coñecer unha realidade diferente da actual.
Queremos agradecer o esforzo que realizaron para estar con nós, tanto ás persoas que viñeron como ás que quedaron no centro así como a todo persoal do Centro de día, por facer posible esta xuntanza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario